TERRO · 1


Luisa e Celedonio vivían nun planeta plano. Case que redondo, pero non esférico. Un planeta con dúas caras. Dúas caras de arriba e dúas caras de abaixo. Dependendo da época do ano.

O planeta chámase Terro, así lle puxeron os seus habitantes, os terróns.

Non está nunha galaxia moi lonxe. E non xira ao redor dunha estrela, como fan moitos. E a súa estrela, que lle chaman Sola, a que da voltas ao seu redor. Unha estrela cadrada, por certo. Non cúbica, cadrada, tamén plana.

Hai moito tempo, nos inicios da súa civilización, cando aínda crían en cantantes, futbolistas e actores, todos os terróns afirmaba que o seu planeta era redondo. Redondo en tres dimensións. Unha esfera. Ou case. Os experimentos iniciais colocando puntos de observación a moita distancia uns dos outros daban como resultado que segundo se ían afastando, deixaban de verse. Como se foran afundíndose. Pero non, era un efecto óptico, debido á refractancia do chan coa capa de gases superiores, e un defecto de visión, pola circunstancia de que case todos os terróns tiñan un único ollo e uns poucos tres. Aínda hoxe non se sabe porque o dos tres.

Pero cando a súa civilización avanzou, descubriron como cubrir grandes distancias voando con máquinas e posteriormente foron quen de saír ao espazo exterior, a sospeita converteuse en sorpresa para pasar a ser seguridade. O seu planeta tiña dúas caras, como unha moeda de 10 céntimos. Ou calquera moeda. E daba voltas sobre un dos seus diámetros, non moi rápido, menos mal, pero con claridade. Por iso lle daba a Sola a uns unhas horas e a outros outras.

Non foron moito máis aló, no espazo, porque non teñen capacidade de curvatura, claro.

O que souberon con bastante anticipación foi que o plano era chato na súa circunferencia. Non moito, pero o diámetro maior mide 7.502 metros e o menor 7.487. Esta peculiaridade parece estar relacionada co sentido no que o planeta xira ao redor do seu diámetro maior, que segundo as últimas teorías científicas foi provocando un desgaste no sentido da rotación, suponse que pola fricción de millóns de anos co po estelar.

Ao descubrimento definitivo da planicidade de Terro sumouse a teoría de que ademais dunha rotación plana horizontal debería ter lugar tamén unha vertical, aínda que case imperceptible. Deseñaron un proxecto de investigación de 20 anos, e efectivamente puideron comprobar que se producía un lixeiro desprazamento rotatorio que non afectaba á súa posición relativa a Sola... porque tamén Sola tiña o mesmo desprazamento. Todos tranquilos.

Os Terróns son unha especie única, coas variantes de un ollo e tres ollos. Non se lles coñecen outras. Os estudos terropolóxicos indican que son descendentes evolutivos dunha especie de roedores arbóreos que hai un millón e pico de anos comezaron a andar erguidos nas súas tres patas traseiras. Teñen caras con poucas protuberancias, orellas redondeadas, un fociño case plano con aperturas laterais, boca labiada con lingua táctil e entre 36 e 42 pezas dentais. Pouco pelo, cada vez menos nos últimos séculos, extremidades superiores con tres articulacións e mans de 4 dedos todos eles contrapostos entre si e prénsiles, un tamaño de entre 70 e 90 cms erguidos e unha vida media de 112 anos.

Non hai xéneros. Todos os terróns teñen a capacidade reprodutora por ovos, que é común a todas as outras especies vivas que habitan o planeta incluídas as plantas. Agás unha excepción, a das bolboretas acuáticas, que o fan por duplicación espontánea. Aínda non hai moito tempo que a revista Naterro conseguiu a gravación dunha destas duplicacións, que se produce a profundidades de entre 100 e 700 metros das zonas acuáticas do planeta. A duplicación é unha das cousas máis fermosas que nunca se viron. Pero con tan pouca información non é posible saber de momento como é que se produce. Porque, tampouco.

Como ademais está prohibido por lei a captura de calquera especie viva do planeta, nin coa xustificación da investigación científica, só se poden ir descubrindo cousas coa observación coidadosa.

Isto non é novo na lexislación planetaria. Foi dende sempre unha tradición. Un costume. Respecto ao máximo a toda canta existencia vital houbese no planeta. E con toda a lóxica, tamén entre os propios terróns.

O que si decidiron lexislar, despois de ter a seguridade da planicidade do seu planeta, foi o de facer furados. Antes diso, pasara máis dunha vez, alguén se poñía a escarvar para buscar algún mineral ou atopar algún recurso e se picaba nunha das zonas acuíferas o outro lado, a auga repartíase entre os dous. Non pasaba toda, porque a rotación provoca unha forza de apegamento, para os elementos sólidos, líquidos e gases, que os fixa, en maior ou menor medida á base de cada lado. O planeta en si ten uns 2.000 metros de grosor, incluíndo a capa de gases de cada lado que ofrece unha atmosfera respirable, e protexe das radiacións de Sola. As simas dun lado son as montañas do outro. Así que houbo que indicar onde si e onde non se podía furar. Que non pasaba nada, que despois todo volvía a estar repartido, con outra rotación completa, pero era unha lea.

O que si... non había moita relación entre os terróns dun lado e de outro. Todos pensaban que andando chegaban a dar a volta ao planeta, pero en realidade nunca pasaban do bordo do seu lado. Despois de descubrir a verdade sobre como era Terro, algúns empezaron a intentar facelo, pero por algunha razón descoñecida, en aquel momento, era moi difícil pasar dunha cara á outra. Un tempo despois descubriron que nos bordes a capa de gases era máis fina, tiña unha concentración de elementos distintos e ademais a forza de apegamento intensificábase moito.

Así que decidiron establecer puntos de paso, e a nova lei de furar axudou a definir por onde e como facelo. Inventaron o Turismo. Os terróns dun lado ían a pasar un tempo sen facer nada no outro, unha temporada. Logo volvían. De cada vez había un intercambio exacto. 100.  Non había que abusar. Despois cada un dos 100 volvían á súa actividade cotián.

Que a que se adicaban? Pois a vivir. O planeta contaba daquela cuns 17.322 terróns. Cada un vivía nunha instalación semi-subterránea. Non había habitáculos colectivos. Pero as instalacións apenas se empregaban para descansar, refuxiarse das inclemencias climatolóxicas ou para ter momentos de intimidade terronal. A maioría das 31 horas de cada rotación, a metade á luz a metade a menos luz, estaban fóra, compartindo actividades cos outros terróns.

E nunca pasaba nada que alterará a vida cotián. Si que había cambios e sucesos extraordinarios. Pero todos os terróns sabían dende tempos inmemoriais que calquera cousa que sucedera tiña que suceder, ou non. E se adaptaban. Buscaban solucións, colectivamente. Cada quen facendo o que podía ou o que lle correspondía facer.

........

Comentarios